Ós quince anos quixen ser pescador. Ó abrente vía marchar ós homes coas canas no ombreiro e os queipos na man, todos coa barba pechada e un cheirume acedo a salmoira nas roupas e na alma. Cando o soubo, meu pai púxome a traballar na tafona familiar.
- Lonxe dos ollos, lonxe do corazón -dixo.
Como xa non podía ver o mar, empecei a fabricalo. Aproveitei unha fornada de broa para moldear media ducia de peixes xeitosos que sairon do forno negros e tenros e vendéronse moi ben entre a rapazallada. As galletas e os biscoitos comezaron a acadar forma de quenllas e sereas, ata de argazos. Foi un éxito.
-¡Carallo de galego! onde pon o ollo, pon o dedo -alegrouse o meu pai.
Pero cando lle pedín un día de feira cuspiu de esguello.
- Cría o corvo e sacarache o ollo.
Así que esa noite forneei unha balea doce e crocante, con fariña de biscoito e crema de leite. Ó pai teríalle gustado, estou seguro, pero non a probou porque media hora antes eu mesmo lle sacara os ollos para soterralos na masa latexante, coma pequenos Xonás agardando no ventre de lévedo entre as froitas confeitadas e as améndoas".

0 han dicho:
Publicar un comentario en la entrada